Tuesday 30 de April de 2024

A Xunta dotará ao longo dos dous vindeiros anos o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria dunha conexión a internet de 100 megas


A finais de 2016 xa disporán deste servizo o 31% dos centros públicos

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria de Galicia, máis de 1.200, contarán cunha conexión a internet de 100 megas a finais de 2017. Xa a finais do 2016, esta porcentaxe chegará ao 31%.

Segundo informou na rolda de prensa do Consello a intención da Xunta é mellorar o acceso á rede en todos os centros educativos da comunidade para que lles permita explorar mellor as posibilidades do ensino dixital

Este novo paso cara á modernización da educación pública de Galicia é posible grazas a un convenio asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Ministerio de Educación e a Entidade Pública Empresarial Red.es, que conta cun orzamento total de 19,1 millóns de euros. Este convenio permitirá instalar estas conexións de 100 megas en 839 centros educativos ao longo de 2016 e 2017 e dun acceso a wifi por cada 60 alumnos.

O presidente da Xunta destacou que a modernización da educación pública estivo sempre entre as prioridades deste Goberno que agora lle proporciona unha infraestrutura tecnolóxica de maior nivel. Así, estas novas redes permitirán que tanto alumnos, como profesores, como persoal administrativo poidan conectarse sen esperas nin cortes, que poidan facelo de xeito simultáneo e que se poida traballar con varias aplicacións á vez. Na súa intervención, o presidente salientou que a educación pode mellorar moito se se aplican as tecnoloxías que a sociedade foi adoptando nos últimos anos e que a educación debe adaptarse ás novas realidades ao mesmo paso que outras realidades cotiás.

Este acordo, afirmou Feijóo, pretende continuar a senda aberta polo Goberno galego en 2010 co Proxecto Abalar, que se sustenta en catro eixes: na dixitalización das aulas coa distribución de 2.800 kits de aulas dixitais, co que se conseguiu que máis de 100.000 alumnos aprendan nun encerado dixital; na formación do profesorado nas TIC, da que xa se beneficiaron 23.000 docentes; no uso de recursos dixitais na aula, como os que se poden descargar do repositorio eDixgal que xa conta con 2.300 recursos educativos para todos os niveis de escolarización e que só no último ano rexistrou máis de 2,1 millóns de descargas; e na difusión e emprego das TIC como canle de comunicación entre as familias e os centros, xa son 17.000 as familias que seguen a actividade dos seus fillos a través de abalarMóbil.